O BNG da Barbanza rexeita as piscifactorÃas no LIC de Corrubedo
A Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza aprobou por unanimidade unha resolución pola que quere mostrar o seu rexeitamento aos proxectos que o Plan Acuícola Galego ten previsto para a nosa comarca e amosar o seu apoio e sumarse á convocatoria de manifestación que se celebrará o vindeiro domingo, día 4 de novembro, ás 12 horas, no porto de Corrubedo.
Ao mesmo tempo animamos á cidadanía da comarca a participar na manifestación, convocada por diversos colectivos medioambientais.
Máis información sobre a manifestación:
Marcha nacional contra o Plano Acuícola. Corrubedo 4-N, 12h
Resolución da Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza
A asemblea comarcal do BNG da Barbanza, reunida o pasado sábado 20 de outubro do 2007 no concello de Boiro, acordou tomar a seguinte resolución:
O BNG da Barbanza quere mostrar o seu apoio, e sumarse, á convocatoria de manifestación prevista para o vindeiro día 4 de novembro no porto de Corrubedo, mostrando o seu rexeitamento aos proxectos que o Plan Acuícola Galego ten previsto para a nosa comarca. Non é de recibo que se poda por en perigo a fonte de riqueza que durante moito tempo foi quen de sustentar a economía de moitas familias, e base primordial da productividade da comarca.
Calquera nova actividade ten que ser respectuosa coas que, tradicionalmente, permitiron o sustento da nosa comarca, nomeadamente a pesca, o marisqueo e o sector mexilloeiro. Ao mesmo tempo, dende unha perspectiva medio ambiental non son nin os lugares máis adecuados para a colocación destas plantas, nin as dimensións máis acaídas para os entornos dos que falamos. Por todo isto, animamos á cidadanía da comarca a participar na manifestación que diversos colectivos medioambientais teñen convocado para o domingo 4 de novembro no porto de Corrubedo, agardando que serva para que a Consellería de Pesca reflexione e se sente a negociar cos sectores implicados o deseño do Plan Acuícola Galego.
A Barbanza a 20 de outubro do 2007.
Asemblea Comarcal do BNG da Barbanza.




