Milleiros persoas chegadas de todos os recunchos do país uníronse hoxe nun berro colectivo no Faro de Corrubedo contra o Plan Galego de Acuicultura da Consellaría de Pesca. E alí estivo o BNG. Baixo o lema “Pola nosa costa, polo noso mar”, unha ampla representación do BNG de Ribeira, encabezada polo Responsábel Local, Xosé Alberte Lorenzo, a Portavoz Municipal, Dominga Brión, e o Grupo Municipal do BNG ao completo, manifestou o seu rexeitamento a este Plan que se ceba dunha maneira esaxerada cun dos espazos máis protexidos do país: o LIC de Corrubedo. Unha reserva de preto de 500.000 metros de chan para piscifactorías no mesmo, que representa máis do 15% do Plan, é o alarmante dato. Tamén quixeron estar a Responsábel Local e varias/os representantes de Galiza Nova de Ribeira, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, así como o Responsábel Comarcal do BNG da Barbanza, Manuel Casal.
O mundo da cultura e as artes non podía faltar a esta importante cita. Ademais de Luís Tosar, Xosé Manuel Beiras, Patricia Vázquez e Antón Reixa, que deron lectura ao manifesto, nomes propios da cultura como os dramaturgos Kiko Cadaval ou Antón Lopo, actores como Miguel de Lira, ou músicos como Toñito de Poi non dubidaron en sumarse á Marcha de Corrubedo. Manuel Santos, Presidente da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, agradeceu a asistencia aos manifestantes e reclamoulle ao poder político que escoite ao poder popular alí presente.
Agardamos que esta marea de dignidade que inundou Corrubedo chegue tamén á Concellaría de Pesca e faga recapacitar ao PSOE a respecto deste Plan e da desfeita que ocasionaría no noso litoral. É preciso protexer zonas emblemáticas da costa galega: Touriñán, si, Corrubedo tamén!!