
O BNG de Ribeira, por medio da súa Portavoz Municipal, Dominga Brión, ven de solicitar a paralización das obras da urbanización da Laguiña, en Palmeira, en tanto non se revise a licencia concedida, co obxecto de comprobar que se adapta a normativa vixente, nomeadamente no relativo a edificabilidade, ocupación, dotación de servizos, etc.
Dende o grupo municipal do BNG temos denunciado en multitude de ocasións a nefasta xestión do Goberno Municipal en materia de urbanismo. Temos, tamén, reclamado reiteradamente a dotación de suficientes medios materiais e humanos para que o Departamento de Urbanismo puidese realizar as súas tarefas ao nivel que o noso Concello necesita.
Ribeira conta hoxe cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que, pese ás súas deficiencias, e as reiteradas demandas do BNG, segue sen adaptar á Lei do Solo tendo xa rematado o prazo establecido para facelo en xaneiro do 2006.
Así as cousas, a Xunta de Goberno Local, en sesión de 16 de maio do 2007, uns días antes das eleccións municipais, polo tanto, con un goberno en funcións, concedeu unha licencia para a construcción dunha urbanización de 90 vivendas, en 15 bloques, en Palmeira, no lugar da Lagüiña. Estas obras desataron o malestar da cidadanía e mesmo as súas denuncias, diante da Dirección Xeral de Urbanismo, dos Grupos Municipais e do Goberno Local do Concello, polo impacto que a mesma vai a causar no entorno.
A Xunta de Goberno Local, en funcións, concedeu esta licencia a pesar de que no informe técnico facíase constar que o Proxecto Básico contaba cun exceso de edificabilidade de 522,15 m2, que tiña que ser corrixida no Proxecto de Execución. Este documento, que debería entregarse antes de iniciar as obras, aínda non foi entregado no Concello.
Compre sinalar que unha parte do solo onde se pretende construír esta urbanización está cualificado como urbano e outra como rústico. As condicións de edificación deste chan urbano están reguladas pola Ordenanza 6.3.A, con un uso característico pormenorizado de vivenda unifamiliar illada, aínda que tamén se permite a vivenda colectiva. A altura de edificación é de baixo, unha planta e baixo cuberta. O chan rústico, según a Lei do Solo, non se computa a efectos de edificabilidade.
Analizando máis polo miúdo o Proxecto Básico, comprobamos que no mesmo se computa tanto a efectos de ocupación como de edificabilidade o chan rústico. De non computarse, tal como recolle a normativa vixente, o exceso de edificabilidade é moito maior, ascendendo a 891,33 metros cuadrados; tamén se rexistra un exceso de ocupación de 343.45 m2.
Considerámos, pois, necesario que os servizos técnicos revisen novamente a licencia concedida a esta urbanización da Lagüiña, en Palmeira, co obxecto de comprobar que se adapta a normativa vixente.
Iniciativa Municipal:
2007-12-03-urbanizacionlaguinhapalmeira.pdf
Nova na Voz:
Os nacionalistas piden que se revise a licenza de obras dunha urbanización no lugar de Lagüiña
Nova no Correo:
Piden paralizar unha obra sen proxecto de execución
Información relacionada:
Na Voz:
Urbanismo abre un expediente informativo pola edificación que leva a cabo en Palmeira