
O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Ana Álvarez, ven de presentar unha iniciativa municipal pola cal solicita que se realice a obrigatoria inspección e revisión por técnicos competentes e con formación acreditada e que se adecuen tódolos parques do noso concello á normativa vixente.
Ao mesmo tempo tamen demandamos que se adecuen circuítos independentes para xogos de velocidade (bicicletas, patinetes e similares) e pistas multideportivas (baloncesto, fútbol,...).
A Poboación de Ribeira conta con 4.272 nenas e nenos de 0 a 15 anos (fonte INE). A Convención dos Dereitos dos nenos e nenas, do ano 1989, ratificada polo Estado español, dispón no seu artigo 30.1º o dereito dos nenos/as ao descanso e ao esparexemento, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade. Pola súa parte a resolución do Parlamento Europeo sobre a Carta Europea dos Dereitos do Neno/a refírese a estes mesmos dereitos.
A Lei Orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor sinala que as administracións públicas deberán exerce-las súas competencias en materia de control e adecuada regulación e supervisión dos espacios nas condicións físico-ambientais e hixiénico-sanitarias. As recomendacións técnicas relativas á seguridade nos equipamentos e instalacións das áreas de xogo desenvolvéronse polo Comité Europeo de Normalización nas diferentes normas UNE-EN (1176 e 1177). Esta lexislación ten o seu correlato en Galicia no Decreto 245/2003, de 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade dos parques infantís.
Existen tamén informes encargados pola Xunta de Galicia que demostran que a maioría dos parques infantís teñen importantes deficiencias.
Se botamos unha ollada aos parques infantís do noso municipio, advertimos que moitas destas deficiencias detectadas pola Xunta se reflicten nas nosas instalacións: risco de ficar atrapados, enferruxamento de elementos metálicos, arestas e saíntes afiados, ancoraxes deficientes… A máis disto, na maioría das instalacións, as superficies de amortecemento de impactos, que deberán protexer aos nenos no caso de caídas non existen na meirande parte dos parques existentes.
O Decreto mencionado establece a obrigatoriedade dos concellos a adaptar a normativa nun prazo máximo de cinco anos mellorando o deseño dos distintos elementos e a súa protección contra caídas, substituíndo a area do chan por superficies flotantes de cortiza ou outro material amortiguante, incorporando unha serie de indicacións e sinalizacións para previr accidentes e facilitando o acceso de menores e persoas con discapacidade e integrando xogos adaptados para estes menores.
Iniciativa Municipal:
2007-12-07solicitudeparquesinfantis.pdf
Nova na Voz:
O BNG reclama melloras no mantemento e seguridade dos parques infantís de Ribeira
Nova no Diario de Arousa:
O BNG de Riveira esixe ao Concello que efectúe as inspeccións obrigatorias