Algo sobre min

Quero empezar dicindo que me considero unha persoa moi afortunada porque nacín e podo seguir vivindo nun paraíso, ou así é como eu considero esta fermosa comarca da Barbanza.
Máis concretamente, nacín no 1961 nun belísimo lugar que se chama Seráns, pertencente ao concello de Porto do Son (xusto no límite co Concello de Ribeira), e levo preto de media vida vivindo na capital da bisbarra: Ribeira.
Aquí transcorreron a meirande parte das cousas máis importantes da miña vida: aquí vivo dende que me casei con Juan e aquí naceu a miña filla, Antía. Pero vamos por partes.
Formación
Estudiei na escola pública de Seráns e logo coas Xosefinas dous anos no Son; con 14 anos funme a vivir con elas a Santiago, mentres cursaba estudios de Administrativo no IES San Clemente; teño que dicir que gardo un gratísimo recordo desa etapa. Logo, compaxinando co meu traballo, diplomeime en Relacións Laborais na Universidade de Santiago, e máis tarde fixen un postgrao da UNED: Experta en Informática Educativa, así como multitude de cursos de formación.
A miña profesión
Con 20 anos aprobei unha oposición pola que accedín ao corpo de Profesores da Rama Administrativa de Formación Profesional. Este foi un feito moi importante na miña vida porque me permitiu dedicarme á profesión que me gusta: a docencia, na que levo xa 24 anos, 21 deles en Ribeira.
O meu primeiro destino foi Cedeira, logo dous cursos en Curtis e, en canto me deron o traslado, vinme para Ribeira; o IES Coroso foi o meu destino no ano 1985; dez anos despois, en 1995 trasladaron a Rama Administrativa e a todo o profesorado da mesma ao IES Leliadoura, para alí fun e aí sigo.
Actividade Política
Aínda que coido que son nacionalista dende que lembro, a miña militancia no BNG iniciouse no ano 1995. Empecei na política activa participando nas Eleccións Municipais dese ano. Daquela fun de número 5 na candidatura que o BNG presentou as Municipais encabezada por Plácido Betanzos, entrando a formar parte da Corporación Municipal no ano 1997. Nas municipais de 1999 ocupei o posto número 2 da candidatura, tocándome asumir a portavocía do Grupo Municipal no ano 2002. No ano 2003 encabecei a candidatura do Bloque por primeira vez, enfrontándome a un reto difícil e, ao mesmo tempo, moi ilusiónante. Non saíu mal: obtivemos o respaldo de 3.015 persoas, subindo 600 votos; mágoa que nos faltaran un puñadiño para acadar o quinto concelleiro/a. Con todo foron os mellores resultados acadados hasta ese momento polo BNG de Ribeira nunhas eleccións, agás as Autonómicas de 1997 e 2001.
Compaxinando o traballo municipal, asumín diversas responsabilidades dentro da organización: a Responsabilidade Local primeiro e logo Comarcal da Muller e máis tarde a Responsabilidade Comarcal do BNG, pertencendo ao Consello Nacional durante varios anos. Na actualidade son a Responsábel de Acción Municipal do Consello Comarcal e a Responsábel de Política Municipal no Consello Local do BNG. Tamén formei parte das Candidaturas que o BNG presentou ás Europeas de 1999, ás Xerais de 2000 e ás Autonómicas de 2001 e 2005.
Foron anos moi intensos durante os que aprendín moitas cousas, fundamentalmente decateime do importante que é a política na vida das persoas e do dano que se pode facer se se fai un uso perverso dela. O máis gratificante é que me permitiu estar a carón de moita xente e contribuír a resolver problemas e a aportar solucións. Eu teño claro que en política estase para servir, non para ser servidos; para defender intereses colectivos por riba dos individuais. Por iso é tan importante a participación da cidadanía na vida pública.
Agora, despois do traballo feito durante estes anos, asumo novamente a gran responsabilidade de encabezar a candidatura do BNG, tentando que Ribeira teña unha Alcaldesa nacionalista. Preséntome a este reto acompañada dun extraordinario equipo e ofrecendo un proxecto político e de goberno solvente e con perspectiva de futuro, co obxectivo de que o noso concello sexa vangarda de calidade de vida e un lugar do que todas e todos non sintamos moi orgullos.